domingo, 28 de setembro de 2014

"Non colaborarei nunca en desafiuzamento ningún; antes deixo de ser bombeiro" - Entrevista de Miguel Pardo a Roberto Rivas


Hai agora dúas semanas, o bombeiro Roberto Rivas compareceu no xulgado tras presentar un recurso á multa de 600 euros que a Subdelegación do Goberno lle puxo por "alteración da orde pública" logo de  negarse a cortar a cadea que impedía a entrada dos funcionarios xudiciais á casa de Aurelia Rey, anciá que intentaron desafiuzar hai ano e medio na Coruña. Dixo que o volvería facer. A súa imaxe co casco cubríndolle a cara, marchando da vivenda e erguendo un cartel de Stop Desafiuzamentos deu a volta ao mundo e converteuse en símbolo da desobediencia civil, esa que el mesmo segue a defender con firmeza nesta entrevista na que insiste en que antes de facilitar un desaloxo deixaría a profesión.


Lembra con claridade o que aconteceu aquel día? Pode resumilo?

Lembro case todo o que pasou porque é obvio que foi un día especial. Á hora de comer houbo unha chamada ao parque e tocounos saír cara á vivenda de Aurelia Rey. Eu xa sabía o que ocorría porque estaba metido en movementos sociais e apoiaba as convocatorias de Stop Desafiuzamentos. Sabiamos que había unha resistencia pacífica, que xa cargaran dúas veces e que se paralizara o desaloxo, por iso pensabamos que nos chamaran porque había algún altercado ou algún colector ardendo. Ao chegar xa nos advertiron de que as cousas estaban moi tensas e puidémolo comprobar alí mesmo.

Pero non sabía exactamente a que ía?

Non. Certo é que meu compañeiro e eu xa falaramos durante o camiño do que fariamos no caso de que nos mandasen colaborar no desafiuzamento e acordaramos que non iamos axudar e que asumiríamos as consecuencias. Ao chegar, un policía da UIP díxome: "Vaia putada que vos tocara isto tamén". Foi o único que me dixeron. Ao achegarme ao portal a xente berrábame para que non rompese a cadea e reaccionei espontaneamante. Pedín un cartel de Stop Desafiuzamentos e regresei ao camión con el levantado antes de regresar ao parque. Foi todo o que pasou.
"Se me tivesen sancionado por negarme a colaborar no desafiuzamento, eu sería o primeiro en culparme e achegar as probas"
Porque vostede foi multado por "alterar a orde pública" pero non por negarse a colaborar coa policía...

Sempre o dixen: se realmente se me tivese sancionado por negarme a colaborar coa policía, eu sería o primeiro en culparme e achegar todas as probas porque son culpable diso e asumo todas as consecuencias, as que sexan. Pero os bombeiros tampouco temos claro cales serían esas consecuencias porque non sabemos se estamos a incumprir algunha norma.

Pero debía obedecer as ordes?

Debemos obedecer as ordes das autoridades competentes, neste caso da comisión xudicial, pero non podes obedecer calquera cousa porque o que está fóra do teu ámbito laboral é de sentido común non obedecelo. Creo que é o normal e que outros profesionais deberían facer certos labores. Esa serie de servizos, como os que reclaman nos desafiuzamentos, deberían facelos os policías e se non teñen os medios, que os consigan porque os bombeiros estamos para as emerxencias e para salvagardar os bens inmobles e as persoas.
"O proceder da policía foi erróneo; tiñan que ternos solicitado o material e colaborar eles no desaloxo"
Pero iso non foi así...

O proceder da policía foi erróneo porque o que tiñan que ter feito é solicitarnos o material e facer eles o traballo. E iso non é a primeira vez que o facemos. Cada profesión ten os seus labores, os seus deberes e as súas obrigas. Nós o que reclamamos é que se especifiquen claramente cales son as nosas funcións. Debería estar reflectido na Lei de Emerxencias de Galicia, pero non está, nin aí nin nas normas que se nos aplican do Concello. No día de mañá, se temos que volver facer estes servizos, buscariamos a forma de procurar legalmente a maneira de loitar contra as ordes.

Pase o que pase?

Eu non entrei nos bombeiros para facer este tipo de traballos e se os teño que facer pois non estarei traballando de bombeiro ou estarei loitando para cambiar as cousas.
"Non entrei nos bombeiros para facer estas cousas e se me obrigan a facelas, pois marcharei e dedicareime a outra cousa"
Pero póñase no caso de que as autoridades deciden recorrer habitualmente aos bombeiros para este tipo de casos.

Habitualmente non, non o farei nin unha soa vez. Téñoo clarísimo, e mira que quero a miña profesión, pero hai que ser consecuente cos teus principios e valores e creo que non temos a obriga de facer estes traballos. O día que sexa obrigatorio, pois dedicareime a outra cousa.

Recibiu moito apoio de compañeiros de todo o Estado, pero houbo quen o criticase polo que fixo?

É certo que recibín moitos apoios e que foron maioritarios na miña profesión, pero tamén hai xente que opina o contrario, que pensa que debemos acatar as leis e que para iso nos pagan. Cren que non é o noso labor cuestionar as normas. Respecto ese criterio e gústame que a xente exprese o que sente, pero eu téñoo moi claro. Unha cousa é a legalidade e outra a lexitimidade. É incrible que haxa leis que poidan ser legais. É brutal a represión que hai na rúa, as desigualdades que se están a crear na sociedade... Pero botar unha señora de 85 anos da súa casa como se pretendía é legal? Pois será, pero para min é totalmente ilexítimo e inmoral e un xeito de violencia institucional.
"É legal botar unha señora de 85 anos da súa casa? Pois será, pero para min é ilexítimo e inmoral e un xeito de violencia institucional"
O día no que acudiu a xulgado tras recorrer a sanción fixo unha clara defensa da desobediencia civil.

É unha ferramenta que temos e que temos que usala ante certo tipo de represión. É normal que se reúnan vinte persoas nun parque e poidan multarte? Son normal os desafiuzamentos? Son moitas leis que as que están é afundir a sociedade.

Tamén dixo que a policía modificara os atestados policiais, que eran falsos e que omitiran cousas...


É unha ferramenta máis de represión que eles teñen, estas cousas inxustas ás que lle dan forma para que sexan legais. Non me entra na cabeza que calquera policía obvie a realidade do que pasou, e máis aínda se é un cargo. Ao final, a súa palabra vale moito máis que a túa polo cargo que ten, pero senta ao teu carón no xulgado e non che pode nin mirar á cara. Fan un atestado e ao mes e medio fan outro poñendo as cousas que, seguramente, lles dixeron desde arriba que tiñan que poñer. Non teñen maneira de legar de amolar a alguén pero danlle a volta e buscan o xeito de facelo. Que sexan eles os lacaios do poder, unha ferramenta para facer estas cousas... Paréceme moi triste.
"É moi triste que haxa policías que modifiquen un atestado, que sexan lacaios do poder e se presten para estas cousas"
Cre que a sociedade está o suficientemente mobilizada e concienciada ante os problemas?

Creo que vivimos nun tempo no que debería estar moito máis revolucionada e implicada. A xente está moi acomodada na súa casa e non é activa. Quizais nos adormeceron todos estes anos con cousas moi banais como o fútbol, a televisión e mil cousas. A xente non se implica e non está na rúa e dá moita pena cando vas a unha manifestación a reivindicar os dereitos de toda a sociedade e hai xente que te mira como preguntándose que fas ou dicíndoche que vaias traballar. É moi fácil implicarse se iso supón só darlle un click co rato do ordenador, pero o que hai que facer son cousas, cousas efectivas que visualicen realmente os problemas.

Por Miguel Pardo | @depunteirolo .

Publicado en Praza Pública . | 20.09.2014.

Foto: Roberto Rivas, terceiro pola esquerda, ante os xulgados -  CC BY-SA  de M. Pereira

||||||||||||||||||||||||

sábado, 27 de setembro de 2014

Alegamos contra o rexeitamento do IGVS e denunciamos a súa compricidade na vulneración dos dereitos humanos

Boa tarde a todas e todos,

Na mañá de onte  acudimos xunto ca compañeira do barrio dos Mallos en risco de desafiuzamento a facer entrega dun recurso contra a denegación dunha vivenda social polo procedemento de emerxencia notificada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fai unhas semanas, ao adoecer este rexeitamento administrativo de falta de motivación e ditarse prescindindo absolutamente do procedemento establecido. [Axuntamos copia do recuso presentado]

Como sinala esta muller de 33 anos, enferma de fibromialxia e ao coidado da súa nai enferma as 24 horas do día, a resolución transmitida polo IGVS “non valora a situación da miña nai nin os datos económicos, non se refire á sentencia firme de desafiuzamento, non fai mención ningunha nin valora de ningún xeito os documentos que aportei nin o informe social remitido polos Servizos Sociais do Concello, co cal a resposta non é unha auténtica resolución referida ás circunstancias da solicitude concreta que eu presentei, senón unha resposta-tipo que lle poderían dar a calquera”.

Dende STOP Desafiuzamentos A Coruña consideramos totalmente intolerábel que un organismo público como o IGVS estea a actuar como barreira administrativa impedindo a efectivización dos dereitos humanos máis básicos, vulnerando completamente mesmo a propia Lei 3/1988 de creación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que recolle no seu Artigo nº 3 que o IGVS ten como función “garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica”.

Aliás, o IGVS vai mesmo contra o  Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), obviando que tense pronunciado, en decisións vinculantes para as administracións, afirmando que o desafiuzamento sen alternativa de realoxo viola os dereitos humanos, e responsabilizando ás administracións de garantir esta alternativa de vivenda.

Ca súa inoperancia e abandono total de responsabilidades, tamén está a desobedecer o IGVS ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que  vén de concluír na sentencia de 10 de setembro de 2014, no asunto C-34/13, que o dereito á vivenda é un dereito fundamental garantido polo artigo nº7 da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, incorporando tamén os criterios do TEDH.

Por se esta actitude non fora cruel abondo, fai uns días as compañeiras de STOP Desafiuzamentos Compostela denunciaron a través dos medios de comunicación, que o IGVS dispón de 500 vivendas para unidades familiares vítimas de desafiuzamentos, mais só concedeu 33 (!).

Tamén alertadas pola inhumana irresponsabilidade que está a amosar o IGVS, contactaron connosco compañeiras de  STOP Desafiuzamentos Barbanza para lembrarnos que o ano pasado o propio Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo comprometeuse publicamente a realoxar a tódalas familias sen recursos ou en situación de desafiuzamento. Esta mesma mentira “vendeulla” o IGVS  tamén a STOP Desafiuzamentos Compostela apenas un mes máis tarde.

Polo tanto, malia a que o IGVS conta con 467 vivendas libres e un amplo abano de ferramentas legais á súa disposición, preferiu deixar na rúa no seu momento a Elisabeth Sanlés, fai uns días a unha familia de Aríns vítima dunha estafa e agora teima tamén en abocar á exclusión social a estas dúas veciñas da Coruña.

Todo isto ademais cando fai apenas uns días  a Defensora do Pobo a nivel estatal afirmou que “non debe haber desafiuzamentos de familias que non poden facer fronte ao pago das súas hipotecas por razóns explicadas e motivadas de boa fe" e instou ás administracións a mobilizar a través do alugueiro a bolsa de case 14.000 vivendas protexidas baleiras que xestionan as comunidades autónomas e concellos.

Por que o IGVS non está logo a cumprir ca súa responsabilidade de facer fronte aos desafiuzamentos xestionando as 500 vivendas cas que conta pra ese cometido? Onde está o cacareado convenio entre institucións ca que se lle enchía a boca ao presidente da Xunta o ano pasado? Onde está o decreto para “paliar os efectos da crise” sobre as familias desafiuzadas  que a Xunta de Galiza se encargou de publicitar no ano 2012? Que obxectivo a maiores da pura cosmética tivo a emisión da Orde de 16 de maio de 2013 pola que se determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais ás personas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga? Por que incluso as mulleres vítimas de violencia machista foron expulsadas deste Programa?

As distintas plataformas antidesafiuzamentos da Galiza estamos extremadamente fartas de tantas mentiras. Persistiremos en poñer en evidencia a frialdade ca que o IGVS está a empuxar á indixencia a centos de familias galegas, e estamos decididas a articular medidas de presión contra este organismo para que desbloquee as 467 vivendas baleiras que ten a responsabilidade de adxudicar a familias que sufriron desafiuzamentos.

Máis información sobre este caso:

[NdP230714] Alerta por posíbel caso de desafiuzamento na Coruña: http://stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/2014/07/alerta-por-posibel-caso-de.html

[NdP010814] O concelleiro de Servizos Sociais recomenda a dúas mulleres enfermas en risco de desafiuzamento que busquen “unha vivenda barata”: http://stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/2014/08/o-concelleiro-de-servizos-sociais.html

[NdP100914] A tremebunda historia do IGVS e as 5.000 persoas por embaixo do limiar da pobreza agardando por unha casa: http://stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/2014/09/a-tremebunda-historia-do-igvs-e-as-5000.html

Ou contactando con Sara Martínez, voceira de STOP Desafiuzamentos A Coruña, no Tlf: 699 404 685.

Un saudiño e que teñades moi boa xornada,

STOP Desafiuzamentos A Coruña.
--
@desahuciocoruna
Blog: stopdesahuciosacoruna.blogspot.com
Facebook


|||||||||||||||||||||||||||||||

martes, 23 de setembro de 2014

Entregamos escrito no Decanato dos Xulgados de Ferrol para que @s xuíces encargad@s procedan á suspensión inmediata dos procedementos de Execución Hipotecaria pola vulneración constante dos Dereitos Humanos



Como estaba previsto, hoxe 23 de Setembro, desde a plataforma STOP-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, mobilizamo-nos diante do edificio dos Xulgados de Ferrol para apoiar a entrega do escrito no Decanato, para que @s xuíces encargad@s procedan á suspensión inmediata dos procedementos de Execución Hipotecaria pola vulneración constante dos Dereitos Humanos e outras disposicións e convenios internacionais, reclamando que se apliquen as sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea respecto de moitos aspectos da lexislación hipotecaria española que a considera contraria ao disposto no dereito europeo.

Esta mobilización encadramo-la na campaña que a nivel estatal comezaron hoxe as Plataformas de Afectados pola Hipoteca e outros colectivos afíns. É a conta atrás para tombar a Lei Hipotecaria española. Esta acción foi simultanea na maioría dos Xulgados Decanos do conxunto do territorio do Estado.

Clica para Acceder/Baixar o escrito que entregamos no Decanato dos Xulgados de Ferrol.

Saúde e vivenda Digna !  Si se pode !   #Limite24D

Fotos de José Pardo e Raúl Salgado.

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol
---

A nova nalgúns medios:

  • Reclaman ante o xulgado de Ferrol a paralización dos desafiuzamentos | A plataforma Stop-Desafiuzamentos urxe a suspensión das execucións hipotecarias | La Voz de Galicia | 23 de setembro de 2014 18:07 | Ir a Web.

  • Stop Desafiuzamentos pide ao xuíz decano de Ferrol o fin das execucións hipotecarias | Raúl Salgado | @raulsalgado | Ferrol 360 | Martes 23 setembro 2014 | 10:54 | Ir a Web.

  • STOP-Desafiuzamentos solicita por escrito aos xuíces de Ferrol que paren os desafiuzamentos | Carmela López - Diario de Ferrol | Actualizado 24 Septiembre 2014 - 01:30 h.| Ir á Web.

Para máis información ver enlaces sobre o asunto no noso sitio-e:

||||||||||||||||||||

luns, 22 de setembro de 2014

Urxente: Convocada concentración diante dos Xulgado de Ferrol apoiando o escrito que se vai entregar no Xulgado Decano, para que @s xuíces encargad@s procedan á suspensión inmediata dos procedementos de Execución Hipotecaria pola vulneración constante dos DDHH

A plataforma STOP-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, convoca unha concentración cidadá diante dos Xulgado de Ferrol apoiando o escrito que se vai entregar no Xulgado Decano, para que @s xuíces encargad@s procedan á suspensión inmediata dos procedementos de Execución Hipotecaria pola vulneración constante dos Dereitos Humanos e outras disposicións e convenios internacionais, reclamando que se apliquen as sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea respecto de moitos aspectos da lexislación hipotecaria española que a considera contraria ao disposto no dereito europeo. Esta mobilización encadra-se na campaña que a nivel estatal que comezan as Plataformas de Afectados pola Hipoteca e outros colectivos afíns: "Comeza a conta atrás para tombar a Lei hipotecaria. ¡ Si se pode !  #Limite24D", con entrega simultánea na maioría dos xulgados decanos do conxunto territorio do Estado.

Día: Martes 23 de Setembro.

Lugar: Diante dos Xulgados de Ferrol.

Hora: Pola mañá ás 10:00 horas.

Obxectivo: Concentrar-se en protesta pola vulneración constante dos Dereitos Humanos nos procedementos de Execución Hipotecaria e apoiar o escrito que se lle vai entregar no Xulgado Decano solicitando:
que se facilite o labor xurisdicional do partido xudicial de Ferrol aos/as xuíces encargados das execucións hipotecarias, entregando-lles a:
  • a Sentenza do TXCE Simmental, EU:C:1978:49,
  • a Sentenza do TXUE AZIZ EU:C:2013:164,
  • a Sentenza do TXUE Sanchez Morcillo,EU:C:2014:169,
  • a Sentenza do TXUE Monika Kusionava EU:C:2013:34,
para que @s xulgadores tras ter coñecemento das violacións do artigo 47 da CDFUE (Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea) cometidas poidan proceder a anular os procedementos de execución hipotecaria e subsidiariamente caso de non facelo, os suspendan e susciten cuestión prexudicial sobre da lexislación vixente en materia de execución hipotecaria, especialmente a aprobada 5 de setembro de 2014 por ser contraria ao articulo 47 da CDFUE, á directiva 93/13 e á doutrina consolidada do TXUE.
E a suspensión inmediata dos procedementos de Execución Hipotecaria dada a vulneración constante do art. 38 e 47 da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, así como de Convenios Internacionais nos que o Reino de España é parte e levan parellos a violación de DDHH, pola responsabilidade que xeraría á Administración de Xustiza.
Ademais de considerar de xustiza e un dereito humano inalienábel, o dereito a unha vivenda digna e adecuada para todas as persoas, a nivel legal consideramos que os procedementos de execución hipotecaria, tramitados de acordo cunha norma contraria ao dereito comunitario, e xa que logo ilegal, debe ser declarados nulos. E tal declaración de nulidade implica a anulación de todos os seus efectos así como a reparación do dano causado.

Para máis información ver enlaces sobre o asunto visitar o noso sitio-e:
Saúde e vivenda Digna !
¡ Si se pode !  #Limite24D

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

||||||||||||||||||||

sábado, 20 de setembro de 2014

23 de Setembro: Comeza a conta atrás para tombar a Lei hipotecaria

A cidadanía organizada xa demostrou en múltiples ocasións que SI SE PODE. A día de hoxe continuamos paralizando desafiuzamentos, entregamos a nada desprezábel cantidade de millón e medio de firmas, realizamos campañas de presión a políticos ou realizado manifestacións multitudinarias en todo o estado. Malia isto o goberno promulgou en solitario a Lei 1/2013 que resultou ser outro parche na Lei hipotecaria.

O pasado xullo o Tribunal de Xustiza da UE volveu denunciar que a lei segue deixando en inferioridade de condicións ao hipotecado fronte ao banco e obriga a España a que cambie a Lei de Enxuizamiento Civil. Este é un novo episodio vergoñento do goberno, xa que volve ser un novo parche na Lei hipotecaria, que non soluciona o problema de urxencia habitacional que vivimos.

Sabemos que este novo prazo imposto polo goberno é un paripé, eles sábeno, pero para nós é unha proba máis de organización colectiva. O vindeiro martes 23 volveremos mostrar toda a intelixencia e a forza das PAHs, queremos entregar de forma masiva un documento que a comisión xurídica está preparando nos xulgados do voso pobo ou cidade.

Como participar? Fácil, hai dous escritos para entregar nos xulgados, un individual e outro colectivo. O colectivo é por si désese o caso de non poder presentalo en individualmente.

1. Solicitude individual ao Xuíz decano que facilite aos xuíces encargados da ejecuciones hipotecarias, as sentenzas do TJUE relacionadas e a convocatoria dunha Xunta de Xuíces, no que inclúa como punto de Orde do día a tratar, a suspensión inmediata dos procedementos de Ejecución Hipotecaria pola vulneración constante dos DDHH.

Enlace ao escrito: http://bit.ly/1oV5upa

2. Solicitude Colectiva, a través dun representante aos Xulgados decanos para facilitar o labor xurisdicional do seu partido xudicial facilite aos xuíces encargados da execucións hipotecarias, as sentenzas do TXUE relacionadas e a convocatoria dunha Xunta de Xuíces, no que inclúa como punto de Orde do día a tratar, a suspensión inmediata dos procedementos de Ejecución Hipotecaria pola vulneración constante dos DDHH.

Enlace ao escrito: http://bit.ly/1sgxoh5

Na Galiza contacta coa túa PAH ou STOP máis próximo para participar:

http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/p/non-estas-so-telefones-de-interese-rede.html

Tamén, podes Acceder/Baixar o Kit de emerxencia 2.0 para recorrer:
Instrucións:
http://afectadosporlahipoteca.com/wp-content/uploads/2014/09/Instrucións.docx

Modelo Apelación:
http://afectadosporlahipoteca.com/wp-content/uploads/2014/09/Modelo-apelación.docx
Seguiremos apoiándonos nas súas leis e aproveitando as brechas para denunciar unha lei tan inxusta como xusta é desobedecela.

Comeza a conta atrás para tombar a Lei hipotecaria.

¡Si se pode!

#Limite24D

Fonte:
https://www.facebook.com/events/626286784155468/declines/

|||||||||||||||||

As PAHs esixen que o goberno defenda os dereitos das cidadás e cidadáns tras unha nova pancada da UE

En marzo de 2013 o Tribunal de Xustiza da Unión Europea deu unha nova pancada á normativa española sobre desafiuzamentos, confirmando a ilegalidade do procedemento español de execución hipotecaria en funcionamento desde facía vinte anos. As Plataformas de Afectados pola Hipoteca presentaron a súa alternativa, unha iniciativa lexislativa popular avalada por millón e medio de firmas, que recollía a moratoria de desafizamentos, a dación en pago retroactiva e o dereito a un aluguer social (un aluguer proporcional aos ingresos familiares).

Malia a enorme presión cidadá, con diferentes campañas, e de enquisas nas que maioritariamente a poboación lexitimaba a ILP, o PP negouse a aprobala e no seu lugar, promulgou en solitario a Lei 1/2013, que resultou outro parche na lei hipotecaria. O pasado xullo o Tribunal de Xustiza da UE volveu denunciar que a lei segue deixando en inferioridade de condicións á persoa hipotecada fronte ao banco e obriga a España a que cambie a Lei de Enxuiciamiento Civil.

Fronte a esta nova pancada, a resposta do goberno foi alargar o prazo de apelación a aquelas persoas que non visen recoñecidas as cláusulas abusivas dos seus contratos hipotecarios mediante unha nota publicada no BOE o pasado sábado, é dicir, ás furtadelas, e outorgando tan só un mes para que estes afectados poidan recorrer os seus autos.

Por que un goberno promulga unha lei que segue deixando en indefensión aos seus cidadáns fronte aos bancos? Por que un goberno limita a un mes a posibilidade de recorrer aos estafados por cláusulas abusivas recoñecidas como tales pola UE? Cos seus actos, o goberno demostra que non vela polos intereses da poboación nin polos dereitos d@s consumidores nin polo dereito a unha vivenda que consta na Constitución. Cos seus actos, o goberno demostra que, á hora de lexislar, ponse de parte dos bancos, culpábeis como sabemos da estafa hipotecaria e do crecemento da débeda pública polo seu rescate.

As PAHs denuncian este episodio vergoñento do goberno español e esixe que se fagan as modificacións legais necesarias para que as persoas hipotecadas estafadas se vexan protexidas e para que a poboación enteira poida ver cumprido o seu dereito á vivenda. De forma inmediata, que se elimine o prazo de apelación as afectadas polas cláusulas abusivas e se declaren nulas as resolucións que negaron o dereito a recorrer; de forma urxente, que se retomen as reivindicacións da ILP: moratoria de desafiuzamentos, dación en pago retroactiva e aluguer social universal; a penalización a aqueles que manteñen vivendas baleiras fronte a emerxencia habitacional que vive o conxunto do territorio do Estado; e que se concedan alugueres sociais a aquelas que recuperan, para vivir, edificios baleiros de bancos rescatados e a SAREB.

As PAHs esixen que se faga efectivo o dereito á vivenda da poboación. Polo tanto, esiximos ao goberno do PP que aprobe a ILP e acate as sentenzas do TSXUE, pola contra esiximos a súa dimisión en bloque por permitir a violación sistemática dos DDHH, por non cumprir coa legalidade e por velar polos intereses da banca no canto da cidadanía.

Ao longo desta semana poñeremos a disposición da cidadanía unha serie de documentos útiles para poder recorrer. O mércores 17 de setembro faremos unha roda de prensa acompañada de accións de presión.

#Limite24D

Si Se Pode!

Enviado pola web estatal das Plataformas de Afectad@s pola Hipoteca (PAH) o 9 de setembro de 2014 19:00

|||||||||||||||||||

A loita polo dereito a unha vivenda digna en Aríns - Cargas policiais e detencións de varios activista de Stop-Desafiuzamentos - Foron desafiuzados un matrimonio, home e muller en paro, dous menores e unha anciá










A mañá de hoxe, ducias de antidisturbios rodeaban a unha casa dunha familia no barrio de Aríns do concello de Compostela, sobre ela pesaba unha orde de desafiuzamento.

Activistas de Stop-Desafiuzamentos de Compostela, pasaron a noite do xoves ao venres acompañando á familia, mentres intentaba-se sen éxito que no xulgado paralizaran o desafiuzamento até atopar unha saída digna ao dereito a un fogar que temos todo ser humano.

A compañeira María e outr@s activistas de Stop-Desafiuzamentos, estiveron dentro da vivenda, algún activista logrou pasar a barreira policial que impedía a comunicación coas persoas que permanecían na casa.

No transcurso da mañá produciron-se cargas policiais e detencións de varios activista de Stop-Desafiuzamentos de Compostela e outr@s activistas sindicais, ...

Despois das cargas policiais e detencións a familia decidiu abandonar a casa, non podían aguantar a violencia policial contra as persoas que os defendían da inxustiza, que defendían o dereito humano a unha vivenda que ampara as leis, tratados, convenios e declaracións internacionais.

Foron desafiuzados un matrimonio (Carlos e María), home e muller en paro, dous menores e unha anciá que quedaron na rúa. Responsábeis da Xunta e do Concello, pasaron da situación de emerxencia social que provocaba o lanzamento da vivenda habitual da familia compostelá, pois non se lles facilitou ás vítimas do despexo un teito alternativo no momento do desafiuzamento. As compañeiras e compañeiros de Compostela estiveron xestionando esa posibilidade, dereito que non se lle pode negar á que queda sen casa por mor do seu empobrecemento e falta de rendas, ao quedar sen emprego, e sobre todo se hai menores polo medio. Tería que intervir neste caso a fiscalía de menores para paralizar o desafiuzamento, amparando-se nos dereitos das crianzas.

Quen demandou á familia de Aríns non foi un banco ou entidade financeira, senón un particular ao que a familia afectada acusan de estafa.

Desde Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio de Ferrol Terra queremos amosar a nosa solidariedade e apoio coa familia desafiuzada as compañeiras e compañeiros activistas de Compostela.

Fotos de Candidatura do Povo de Compostela:
https://www.facebook.com/candidatura.dopovo

Santiago de Compostela

Correo-e:stopdesahucioscompostela@gmail.com
Facebook: https://www.facebook.com/joseDRY/friends#%21/StopDesahuciosCompostela
Vídeo do lanzamento da vivenda de Aríns (Compostela)

http://youtu.be/3Ir8t83mNp0?list=UUJhZ6kRLEOROJPQQiD5j-Cg

||||||||||||||||||||

xoves, 18 de setembro de 2014

Mobilización diante do Edificio da Xunta en Vigo por Ángeles, Teresa e Carlos - Nin casas sen xente nin xente sen casa!!! - Fotos





Mobilización diante do Edificio da Xunta en Vigo por Ángeles, Teresa e Carlos. Esiximos a expropiación das vivendas baleiras en mans da banca e o seu destino a aluguer social e dación en pagamento na vivenda habitual.
Nin casas sen xente nin xente sen casa!!!

Enlace relacionado:
A PAH de Vigo precisa axuda: Dependen de ti, de todas e todos. Quédanse na rúa. Elas son o importante. Só a presión cidadá pode salvalas.



|||||||||||||||

mércores, 17 de setembro de 2014

A PAH de Vigo precisa axuda: Dependen de ti, de todas e todos. Quédanse na rúa. Elas son o importante. Só a presión cidadá pode salvalas.

MOBILIZACIÓN DA PAH VIGO TUI BAIXO MIÑO (STOP DESAFIUZAMENTOS)

A PAH de Vigo precisa de axuda

Dependen de ti, de todas e todos. Quédanse na rúa. Elas son o importante. Só a presión cidadá pode salvalas. Non che quedes en casa. E si non podes o teu apoio cun "curtir", compartilo na rede, avisar aos amig@s, en casa. Difundilo no traballo, na cafetería ou Bar, no "Super" ...que se saiba ... Que Ángeles, Teresa e Carlos, quédanse na rúa. Non o permitamos Elas necesítanche

Xoves 18 de Stembro ás 11:00hs diante da Xunta (Vigo) Praza da Estela (Concepción Arenal).

Son máis de 50.000 persoas as que malviven hoxe por baixo o limiar da pobreza na nosa cidade, no límite da súa propia subsistencia. Máis da metade están no paro, boa parte delas desde hai anos. Persoas que non poden afrontar o pago das súas necesidades básicas e que dependen en grande medida de organizacións asistenciais para o facer. Iso, ou viviren directamente en exclusión social.

Unha emerxencia social, de pagos de Aluger, da auga, da luz do repago de mediciñas ... de necesidades alimentarias e a emerxencia habitacional como a que leva a TERESA, CARLOS e ÁNGELES ao desaloxo da Vivenda.

SÓ A MOBILIZACIÓN SOCIAL PODE IMPEDILO !!

--

@PAHVigoTui

Enviado pola PAH Vigo-Tui Baixomiño o 16 de setembro de 2014 19:37

Vigo - Tui - Baixo Miño

Correo-e:
stopdesahuciostbm@gmail.com

web:
http://www.stopdesahuciostbm.wordpress.com

facebook:
https://www.facebook.com/pages/PAH-Vigo-Tui-Baixomi%C3%B1o/270337479686803

Teléfonos:
Fran Riveiro (627192586) | Carlota Pérez (
657862675) | Telmo Pérez (661449328).

Teléfonos: 
626.884.539 (Vigo-Mos Porriño…..) |               
603 424 744   (Salceda de Caselas-BaixoMiño )
Horario de atención: 12 a 14h e 17 a 20h – De luns a venres
||||||||||||||||||

martes, 9 de setembro de 2014

A falta de datos referente ao procedemento de execución hipotecaria, pretende invisibilizar o drama dos desafiuzamentos e a vulneración sistemática do dereito á vivenda e os dereitos humanos

A PAH leva denunciando desde 2009 a falta de datos cuantitativos e cualitativos referente ao procedemento de execución hipotecaria e a clara intencionalidade de invisibilizar o drama dos desafiuzamentos e a vulneración sistemática do dereito á vivenda e os dereitos humanos. Reiteradamente denunciamos que non recoller datos estatísticos de calidade é unha decisión política que contribúe a invisibilizar os problemas.

Durante anos apenas habemos ter datos e agora temos, pero chegan tarde e mal. Temos datos do CGPJ, datos do INE e do Banco de España, pero estes non inclúen datos desglosados por criterios básicos como o perfil das familias, si hai menores, ou situación laboral. Os datos tampouco son desagregados por cidades, nin recollen datos relacionados sobre temas como a pobreza enerxética, o impacto na saúde ou a infancia.

Por iso, fai un ano publicamos o Informe de Urxencia Habitacional no Estado Español, resultado das 11.561 enquisas realizadas a persoas afectadas que habían contactado coa PAH durante os últimos dous anos, e foi o primeiro informe de ámbito estatal que recolleu datos de como afectan as ejecuciones hipotecarias á saúde, ou cales son as entidades que máis executan.

Froito da necesidade de ter datos cualitativos e dar luz ao impacto de procedemento de execucións hipotecarias, a PAH xunto co Observatorio DESC e en colaboración co proxecto MOVIBAR do Grupo EMIGRA da UAB (A mobilidade do alumnado e o seu impacto na escolarización na rexión metropolitana de Barcelona. Tipos, procesos e tendencias) e o proxecto europeo SOPHIE (Avaliación do impacto das políticas estructurales nas desigualdades en saúde), pon en marcha unha nova enquisa. Con esta enquisa pretendemos entender mellor como as dificultades relacionadas coa vivenda teñen implicacións para as crianzas e sobre a saúde destes e doutras persoas do fogar. Na enquisa recolleranse datos socio-demográficos, da vivenda, a situación habitacional, a alimentación, necesidades básicas, socio-económicos e farase especial énfases no tema da infancia e a saúde.

SI SE PODE !!

Enviado pola web estatal das PAHs. (afectadosporlahipoteca@gmail.com).

|||||||||||||||||||

A PAH consegue por primeira vez no Estado a modificación do índice de referencia dunha hipoteca de IRPH a Euríbor

Un afectado membro da PAH Barcelona que contraeu unha débeda hipotecaria co Banco Sabadell converteuse na primeira persoa no estado español en asinar unha modificación das condicións financeiras do seu préstamo hipotecario ao pactar co banco a substitución do tipo de interese de referencia da súa débeda do IRPH Entidades polo Euribor 1 e sen modificar os demais pactos e cláusulas da hipoteca.

A PAH quere resaltar esta nova vitoria do colectivo, xa que no mercado do crédito hipotecario do estado español existe un número de préstamos minoritario, aínda que dunha magnitude considerable, cuxo tipo de interese de referencia non é o Euribor senón o IRPH Entidades. Este índice, que se calcula como unha media dos tipos de interese que aplican os bancos, é opaco, non é auditábel, e non reflicte a situación actual do mercado.

O IRPH, ao ser un índice que está a valores moi superiores ao Euribor, provocou desafiuzamentos e causou que miles de familias endebédense moito máis do que estaban nun principio, xa que até agora os bancos só concedían refinanciamentos para as hipotecas que se rexían por este tipo de interese. O caso do noso compañeiro é o primeiro caso no estado español de que temos coñecemento (e esperamos que sexa o primeiro de moitos), no que un banco cede ás presións da plataforma e baixa o interese da hipoteca, sen modificar outras cláusulas, polo Euribor 1.

O obxectivo da Plataforma é a devolución do diñeiro cobrado de máis durante todos estes anos e conseguir que o IRPH desapareza por ser un índice influenciable debido aos intereses dunha das partes e en consecuencia opaco e abusivo; cabo agregar que moi recentemente o Banco de España negouse a facilitar a información que lle requiriu un xulgado donostiarra no contexto dunha demanda por aplicación de IRPH Entidades. Consideramos que todas as condicións que o IRPH non cumpre son requisitos básicos para garantir o acceso á vivenda.

Por iso, a PAH esixe que o IRPH Entidades sexa anulado de inmediato, e os intereses abusivos cobrados polas entidades como efecto da aplicación de calquera das variedades de IRPH sexan devoltos aos consumidores. As familias que perderon a súa vivenda por non poder facer fronte a hipotecas referenciadas ao IRPH deben ser resarcidas e os responsables desta estafa, os que a perpetraron e quen as toleraron, deben ser xulgados e condenados.

SI SE PODE !!

Enviado pola web estatal das PAHs. (afectadosporlahipoteca@gmail.com).
|||||||||||||||||

xoves, 4 de setembro de 2014

Xulgarán por “alteración da orde pública” ao bombeiro que se negou a intervir no desafiuzamento de Aurelia Rey


http://youtu.be/xYkgsw6Z-HY

Os bombeir@s rescatan ás persoas, non aos bancos!!
Nin xente sen casa, nin casas sen xente!

Boa tarde a todas e todos,


Moitos son os xestos de solidariedade individual e colectiva cos que a sociedade civil facemos fronte día a día á crise social iniciada no ano 2008 polas entidades financieiras en connivencia co poder político ao servizo das elites económicas.

Na loita concreta contra os desafiuzamentos, de entre todas estas accións, sen dúbida deuse na nosa cidade unha das que contou con máis recoñecemento e repercusión, tanto a nivel galego e estatal, como
a nivel internacional: a negativa dun bombeiro a cortar a cadea que bloqueaba o portal de Aurelia Rey o 18 de febreiro do pasado ano 2013 na Coruña.

O seu xesto xerou reaccións non só en parques de bombeiros/as como os de
Alicante, Madrid, Valencia, Murcia, La Rioja, Asturias, Valladolid, Andalucía, Catalunya ou Canarias,  senón tamén noutros colectivos profesionais ao longo de todo o Estado, como os/as cerraxeiros e xuristas. Tamén se levou adiante unha iniciativa cidadá de apoio a través da plataforma Change.org na que se solicitaba que non fora represaliado polo Concello da Coruña, e que chegou a superar as 100.000 sinaturas.


Agora, ano e medio máis tarde, e logo de esgotar tódalas posibilidades de recurso pola vía administrativa, o bombeiro que encheu de orgullo á Coruña enfróntase o vindeiro xoves 4 a un xuízo, supostamente por amosar ese día un cartaz co logotipo de STOP Desafiuzamentos A Coruña, xesto que a Subdelegación do Goberno interpreta como unha “alteración da orde pública”[1], e polo que lle quere facer pagar unha multa de 600€.

Non obstante, todas sabemos que o que lle molestou á Delegación do Goberno non foi que este bombeiro erguera un papel, senón que se tivera negado a colaborar en botar de casa a unha anciá, deixando en evidencia a vergoñenta estampa do circo policial  que o Partido Popular tiña instalado na R/ Padre Feijoo para escenificar o despregue de violencia que están dispostos a levar adiante para seguir botando familias das súas casas e regalarlle estes fogares baleiros ás entidades bancarias que primeiro estafaron a estas mesmas familias.

Así, o xuízo que vai ter lugar o vindeiro xoves constitúe un exemplo claro de ata onde está disposto a chegar o goberno do Partido Popular contra quenes loitamos por poñer ás persoas por riba do Capital, en definitiva, contra quenes queremos máis á xente que ós cartos, ben ao contrario dos valores capitalistas defendidos a base de
coaccións e acoso policial polo Delegado do Goberno Samuel Juárez e o Subdelegado na Coruña Jorge Atán. Contra esta represión ao bombeiro por parte do Goberno do Partido Popular a nivel estatal iniciouse tamén o ano pasado unha nova recollida de sinaturas a través de Change.org que chegou a recabar máis dun milleiro de apoios.

Aliás, este ataque ao bombeiro que se negou a intervir no desafiuzamento de Aurelia Rey, así como as constantes multas, xuízos e o control policial ó que nos vemos sometidas as persoas que defendemos na rúa dereitos básicos como o da vivenda, a sanidade, a educación ou os dereitos laborais, lonxe de amedrentar a quenes loitamos por estes dereitos humanos e sociais, segue a se revelar como un claro síntoma do medo que inunda ao Partido Popular diante dunha sociedade civil crítica e en pé de loita neste contexto de estafa económica.  Segundo datos do Ministerio de Interior, Galiza é a terceira comunidade con máis expedientes administrativos abertos, un total de 110, e xa lle foron roubados á cidadanía galega máis de 35.000€ en concepto de multa por protestar contra as inxustizas cas que o PP está a dinamitar o que nalgún tempo se deu en chamar “Estado do benestar”.

Así, fronte a esta estratexia de amedrantamento social e criminalización da solidariedade imposta polo Partido Popular dende o Goberno estatal, galego e local, dende STOP Desafiuzamentos A Coruña convocamos á toda a sociedade a arroupar e amosar publicamente o noso apoio a este compañeiro cuxo valor e solidariedade deron a volta ao mundo, acudindo o vindeiro XOVES 4 de SETEMBRO á concentración que terá lugar dende as 11.00hrs. diante do Xulgado Contencioso Administrativo da Coruña (Edificio Proa).

Queremos tamén aproveitar para agradecer novamente a colaboración de tódolos colectivos, persoas particulares e profesionais dos medios de comunicación que fixeron parte fundamental na loita contra o desafiuzamento de Aurelia e en todos os que seguiron. Porque sabemos que a unión de forzas e o traballo conxunto é o único xeito de deter este sistema criminal que nos condena ó empobrecemento, á miseria e ó medo.

CONCENTRACIÓN EN SOLIDARIEDADE CO BOMBEIRO QUE SE NEGOU A INTERVIR NO DESAFIUZAMENTO DE AURELIA REY

Xoves 4 setembro

11:00hrs. ((Declaracións a medios de comunicación ás 11:30hrs.))

Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº4 | (R/Enrique Mariñas Romero. Edificio Proa, A Coruña).

[1] (Art. 23h) L. O. 1/1992 de Protección de la Seguridad Ciudadana.

Un saúdo e que teñades moi boa xornada,
STOP Desafiuzamentos A Coruña

--


|||||||||||||||||||||||||||||