domingo, 23 de novembro de 2014

Manifestación pola desafectación do Plan do Ofimático - A veciñanza de Elviña maniféstase contra o desaloxo e demolición da casa de Isabel e Álvaro


Manifestación pola desafectación do Plan do Ofimático


A veciñanza de Elviña maniféstase contra o desaloxo e demolición da casa de Isabel e Álvaro e pola desafectación do Plan do Ofimático

Ás 20:00h de onte, xoves día 20, a veciñanza da Coruña amosou o seu apoio a Isabel e Varo e ás outras familias do lugar de Elviña ameazadas polo desaloxo forzado do seu fogar por mor das obras do Parque Ofimático. Obras que en sí mesmas non satisfacen carencia algunha pero sí impoñen novas necesidades habitacionais a xentes cuxo delito é residir durante máis de medio século no barrio de Elviña.

No día de onte, o Lugar de Elviña teceu unha rede de apoio e coidados ante a agresión e extorsión que ao longo de máis dun ano estas familias levan padecendo. O colapso de Alfonso Molina é a mostra do apoio cidadán ante a imposición da especulación urbanística, a protesta ante intereses escuros onde o concello en lugar de atender ás demandas das residentes satisface as esixencias dos intereses privados en nome dun progreso urbano cimentado na desaparición das comunidades xa existentes e significándose a instauración da artificialidade especulativa como forma de vida.

O apoio comunitario que Isabel e Varo, e o resto de familias afectadas, veñen de sentir ao longo da tarde do xoves 20 é o comezo da presión popular que se abre paso entre a represion e coherción policial, a presión despótica dunha gobernanza tiránica e a inxustiza nomeada como "progreso" e "avance".

A unión e a solidariedade é o noso xeito de construír cidade, fronte ás maneiras violentas que pretende impoñer o Concello da Coruña, que fai tempo que esqueceu que ten que estar ao servizo das e dos habitantes, non dos intereses especulativos. Ao igual que o alcalde Negreira e o concelleiro Prado agóchanse para non dar a cara diante das familias ás que lles quere esnaquizar a vida, tamén no mediodía de hoxe aproveitaron que a concentración realizada pola veciñanza non foi tan numerosa para tentar coaccionalas novamente.

Ao pouco de comezar a concentración na beira de Alfonso Molina, cando algunha xente se atopaba na pasarela que une Elviña-Galán (marxe esquerda da avenida) con San Vicente de Elviña (marxe dereita) para colgar unha pancarta, a Policía Nacional chegou, díxolles que non se podía estar alí arriba en grupos de máis de cinco e moito menos con pancarta. A veciñanza protestou pero accedeu, aínda que iso non detivo o catálogo de coaccións, abusos e tentativas de intimidación que traían preparado. Pediron identificacións e ameazaron con levarse detidas a varias persoas, ó que a xente alí concentrada negouse dicindo que as levaban a todas ou a ninguén. Finalmente todo se resolveu sen máis incidentes, pero as ansias de revanchismo do Concello e a Delegación de Goberno polo acontecido o día anterior son evidentes.

Cales son as reclamacións da xente de Elviña


As familias afectadas polo Plan Ofimático levan tempo esixindo unha solución á súa situación. Consideran que o xusto é que se lles desafecte do Plan, deixando a marxe dereita da Avenida Alfonso Molina (o lugar de San Vicente de Elviña) libre de derrubos, en tanto é unha zona que no proxecto apenas está esbozado que forma vai tomar (un viaducto imposible, equipamento indefinido que nun principio será escolar pero “xa se verá”...). Así o expresaron nas alegacións ó Plan presentadas no mes de Maio, que fican sen resposta desde aquela.

Hai que lembrar que o Plan aínda non está pechado, que hai pouco se lle fixeron modificacións para engadir reclamacións de Adif, pero que parece blindado ante as alegacións de quen non son grandes empresas. A Universidade presentou alegacións, a Asociación de Veciños tamén, e o mesmo fixeron varias familias afectadas (entre elas a de Isabel e o seu fillo Álvaro), pero a única resposta é o silencio. Sen embargo o Plan, legalmente, non será definitivo ata que tódalas alegacións sexan respostadas.

A veciñanza de Elviña reclama por isto que se paralicen inmediatamente os desaloxos e derrubos, que se resposte ás alegacións ó Plan presentadas, que se poña xa data á reunión co alcalde Negreira e o concelleiro de Urbanismo, Martín Fernández Prado, solicitada a comezos de setembro, e que se modifique o plan de urbanización do Ofimático a fin de garantir a protección e conservación do núcleo de San Vicente de Elviña. Todos estes pasos dependen da vontade do Concello, que ata o momento se despreocupou por completo das necesidades que non fóran marcadas polas grandes empresas constructoras.

Por que o Concello non dá unha resposta afirmativa á desafección do plan urbanístico que dende fai máis dun ano levan demandando as familias residentes? Que intereses en forma de connivencia coas empresas promotoras comparte o Concello da Coruña para non suprimir a ponte que ameaza a casa de Isabel e Álvaro e, conseguintemente, reordenar o sistema de accesos ao sector? Por que Carlos Negreira e o seu equipo de desgoberno non acometen a paralización cautelar inmediata da execución da urbanización e dos actos derivados da mesma como é o desaloxo forzoso de Isabel e Álvaro? Por que Concello e Xunta de Galicia inhiben súa responsabilidade cargando a súa ineptitude e desleixo en forma de mobbing administrativo e policial, extorsión inmobiliaria sobre os residentes de Elviña que en ningún momento foron consultados sobre o devir das presentes obras, asumindo por parte das institucións que a súa única función era a de espectadores pasivos ou, no peor dos casos, obstáculos da posta en marcha dun Plan faraónico e innecesario?

Non pode ser que o Concello continúe protexendo os dereitos de urbanización das grandes promotoras (que neste momento non queren invertir neste proxecto) en detrimento e vulneración activa dos dereitos humanos fundamentais das familias de Elviña. As mobilizacións contra os abusos do Goberno Local non cesarán ata que se atendan as reclamacións da veciñanza.

A Coruña, 21 de Novembro de 2014.

Elviña non se vende, Elviña se defende!

--
@desahuciocoruna
Blog: stopdesahuciosacoruna.blogspot.com
Facebook

Grupo de Stop-.desafiuzamentos d'A Coruña


|||||||||||||||||||||||||