martes, 14 de xuño de 2016

Unha reflexión de Stop-Desafiuzamentos Ourense: "Do dereito a vivenda, ao xenético neoliberalismo caciquil do PP, a prensa e o mercado do voto"


Como xa é coñecido por todas, tanto as que o criticamos, como a procesión dos caladiños que, supoño cheos de medo, maliciosa ignorancia, ou nunha enferma e cómplice conformidade, permiten que lles rouben o pan mentres apañan unhas migallas.

O partido Popular cando o caladoiro de votos estaba no rural sacaba as cubas de cemento e "Carreta para riba carreta para abaixo cemento farola e o voto debaixo".

Parece que agora van a comerciar coas necesidades básicas dos máis desprotexidos. Isto podería parecer un desprezo pero vexamos por que o digo:

Estes días saen na prensa, en especial na de Ourense, Concello amigo gobernado polo parido popular, prensa amiga, ou non suficientemente informada e crítica:
"O Concello de Ourense o primeiro en sumarse o programa de vivendas baleiras" [1].
O estatuto de Autonomía de Galicia no artigo 27.3 di que corresponde a Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de vivenda de Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda. Parece que dende o 2008 o partido popular non soubo que garantir unha vivenda digna era competencia da Xunta.

Atravesamos unha situación crítica dende o ano 2008 que estourou a burbulla inmobiliaria inflada 10 anos antes pola reforma da lei do solo feita por José María Aznar sendo ministro de economía Rodrigo Rato e Gobernador do Banco de España, o regulador, Jaime Caruana La Corte "España va bien" Dicían. Chámolle "situación crítica" e non crise pois esta situación foi consecuencia dunha gran estafa que permitiu o enriquecemento desmesurado dunha elite corrupta.

Pero voltemos a cidade de Ourense que é o que nos atinxe aínda que o partido popular leva gobernando Galiza os últimos 8 anos, período no que transcorre esta "situación crítica".

Dende que o colectivo Stop-desfiuzamentos Ourense naceu, no ano 2011, permitiunos ver e afondar no xeito de actuar "Kafkiano" das institucións dirixidas polo Partido Popular como o I.G.V.S. (Instituto Galego de Vivenda e Solo) con familias con menores, con enfermos ou mulleres vítimas de violencia machista.

No ano 2013 creouse no Concello, a proposta de Stop-Desafiuzamentos, por unanimidade das formacións políticas con representación plenaria a creación dunha "Comisión Técnica de seguimento dos desafiuzamentos" composta por representantes de varias institucións e organizacións como o Colexio de Avogados de Ourense, Stop-Desafiuzamentos, un representante do Goberno Municipal un da Xunta de Galicia etc etc. O interese do Partido Popular por estas familias quedou patente coa súa ausencia a primeira reunión desta comisión. O PSOE tampouco amosou interese especial no funcionamento da mesma, pero a súa actitude estivo moi lonxe do desprezo que fixo o partido popular. A falta de interese levou o fracaso do funcionamento desta Comisión.

En varias ocasións ao longo distes anos fomos a delegación de vivenda da Xunta de Galicia a demandar alugueres sociais tanto para familias procedentes de despexos bancarios coma despexos por impago de aluguer. Sempre se nos alegou mesmo: falta de recursos e que non había vivenda protexida na cidade.

Resulta indignante a argumentación da delegada Territorial de Vivenda da Xunta de Galicia en Ourense.

Os recursos de todas espoliáronse destinando 200.000 millóns de euros o rescate bancario no conxunto do estado español. En Galiza coa complicidade do Presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo, regalámoslle 9.000 millóns de euros a ABANCA para sanear as Caixas de Aforro e convertelas nun apetecible banco privado que, agora si, da 1.200 millóns de beneficio no ano 2015.

Non se lle pediu ningunha contra-prestación social por este rescate. Todo o contrario reparten dividendos sen complexos, mentres moitas familias malviven o límite.

Como as contas non lles cadraban saquearon o fondo de pensións, que garantiza o cobro das mesmas no futuro, feito con aportacións de todas, retirando 30.000 millóns de euros dos 66.000 millóns que chegou a ter no 2011.

Destinan cada ano 36.000 millóns ao pago dos intereses dunha débeda privada convertida en pública, polo tanto ilexítima, sen audita-la para que non se saiba quen son os responsables da suposta quebra económica.

Permiten que fondos voitres merquen vivenda de proteccións social a prezos de saldo mentres negan-lle esa oportunidade as familias que están a vivir nelas. Sosteñen cun artificio financeiro o prezo da vivenda co Banco Malo a SAREB (Sociedade de Xestión de Activos Para a reestruturación Bancaria) abalando negocios privados, con rendibilidades de ata o 15%, con diñeiro público mentres familias son despexadas ante a mirada pasiva dos gobernos de Rajoi e Feijoo.

Durante a "situación crítica", tristemente, os suicidios convertéronse na 1ª causa de morte traumática, por diante dos accidentes de coche, estratexicamente silenciadas, as causas dos mesmos, nas estadísticas.

Pero voltemos a afondar na entraña do sistema neocaciquil que dirixe o PP. Recentemente, no mes de marzo do presente ano, pediunos axuda unha muller vítima de violencia machista con un neno con autismo con nivel III de dependencia. Acudía a Stop-Desafiuzamentos enviada dende Cruz Roxa que non podía axudarlle. Isto resulta incrible si temos en conta que as ONG privadas recibiron o pasado ano 17.000 millóns de euros en axudas públicas.

Esta muller residía no Concello de San Cibrao das Viñas, gobernado polo PP, dende o momento da separación. Co coñecemento da traballadora social diste concello levaba dende o mes de novembro de 2015 sen ingresos, por esquecerlle selar a RAI no INEM no mes de Outubro. Véndose obrigada a deixar de pagar o aluguer do piso onde vivía durante este tempo.

Démoslle traslado por escrito e procuramos encontros persoais tanto o alcalde de San Cibrao das Viñas como a Delegada Territorial do IGVS. O primeiro alegou que coñecía o caso pero non podía facer nada e a Delegada alegou falta de recursos pero que miraría que se podía facer. Hai que lembrar que a cidade de Ourense ten 15.000 vivendas baleiras moitas delas pertencen a entidades financeiras rescatadas con diñeiro público... e non hai recursos.

Logo de dalo a coñecer os medios e de varias concentracións de protesta no IGVS, vendo a violencia institucional que estaba padecendo esta muller fixémonos cargo da súa situación. Durante estes tres meses tivo que mudar en tres ocasións de vivenda cos problemas de inestabilidade emocional para a súa crianza que trae outros problemas como os da escolarización. O colectivo fíxose cargo mentres non recuperou a RAI de parte dos gastos desta familia. Non tiña dereito a axudas de emerxencia por o levar 3 meses censada en Ourense. Cambiou o censo pois, a traballadora de San Cibrao estaba de baixa, precisaba un informe urxente para solicitar vivenda social. Finalmente asígnaselle unha vivenda social o día 5 de maio nas seguintes condicións:
  • Ten que facerse cargo do pago do imposto de actos xurídicos documentados para asinar o contrato.
  • Pago do I.B.I (Imposto de Bens Inmobles) o primeiro ano corre a conta do IGVS, alta de subministro de gas, alta de subministro de electricidade, alta de subministro de auga.
  • Mercar Frigorífico, lavadora, Facer unha instalación de Antena de T.V pois non ten antena colectiva.
Pois a día de hoxe aínda non fomos capaces de conseguir dar de alta os subministros por falta de eficacia e eficiencia do IGVS. Había débedas de inquilinos anteriores non tiñan a dirección correcta, non coincidía coa referencia catastral etc etc. Esta é a violenta realidade institucional con unha muller vítima de violencia machista.

Ao longo da "situación crítica" a PAH e STOP-DESAFIUZAMENTOS promovemos leis autonómicas pola vivenda digna e contra a pobreza enerxética, no ano 2013 en Galiza, Andalucía en Navarra, no ano 2015, no País Vasco e Cataluña, esta última coa agravante dun Goberno en funcións. Todas recorridas o Tribunal Constitucional polo Partido Popular, sempre posicionado na defensa dos intereses da Banca e das grandes empresas subministradoras, para aumentar os seus beneficios.

Un partido Popular relaxado ante a corrupción e rigoroso coas familias. Amordazando, con leis de seguridade cidadá, os que lles aireamos os seus sucios negocios e corruptelas.

Estamos ante dous procesos electorais case seguidos e o PP pon a funcionar as imprentas amigas moitas subvencionadas con diñeiro público para dar unha imaxe de grandes xestores que non tiveron ren que ver coa “situación crítica”.

Anunciando que:

"O Concello e Ourense é o primeiro en sumarse o programa de vivendas baleiras da Xunta de Galicia".

¡Tarde píache!.. O dereito a vivenda hai que garantilo día día non, cada 4 anos, cando hai que sumar votos.

1.500.000 sinaturas apoiando a ILP pola dación en Pago e polo aluguer social, desprezada pola maioría absolutista do Partido Popular en 2012. Leis autonómicas suspendidas por iniciativa do Partido Popular. Máis de 700.000 execucións hipotecarias e multitude de suicidios.

E 4 anos despois a prensa anuncia que o PP vai tomar iniciativas contra os desafiuzamentos, nos sabemos que é propaganda electoral.

A PAH e o colectivo STOP-DESAFIUZAMENTOS seguiremos a demandar ás formacións políticas, en campaña electoral e día a día o lado das familias un compromiso formal para o cumprimento efectivo do dereito a unha vivenda dígna e das 5 da PAH:
  1. Dación en pago Retroactiva.
  2. Alugueres asequibles.
  3. Stop Desafiuzamentos.
  4. Vivenda Social suficiente.
  5. Suministros básicos garantidos.
[1] A mantenta da nova publicada no xornal "La Región". | O plan de vivendas baleiras fixa 350 euros de aluguer máximo. Ourense, o primeiro concello en sumarse ao programa para crear unha bolsa de pisos desocupados | 06.06.2016. | Ir á Web.

STOP Desafiuzamentos Ourense
stopdesahuciosourense@gmail.com
http://stopdesafiuzamentosourense.blogspot.com.es/
8 de Xuño de 2016

||||||||||||||||||||||