luns, 17 de abril de 2017

Lei para a regulación do dereito ao uso e goce dunha vivenda digna e adecuada, así como o acceso aos subministros básicos en todo o territorio do Estado - Carta de compromiso e presentación de mocións nos concellos



Desde finais do mes de marzo deste ano 2017, as PAHs están interpelando aos concellos para que se sitúen a favor da proposta de Lei de Vivenda presentada a aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados.

Na nosa Comarca comezaremos por Ferrol e Narón, e intentaremos seguir presentando no resto dos concellos, unha moción para que estes aproben nos seus plenos municipais o apoio á proposta de Lei para a regulación do dereito ao uso e goce dunha vivenda digna e adecuada, así como o acceso aos subministros básicos en todo o territorio do Estado. Lei coa que se pretende que os poderes públicos promovan as medidas oportunas para facer efectivo o dereito á vivenda digna e a garantía de subministros básicos. Cumpre xa que se lexislen medidas concretas para acabar coa emerxencia residencial e coa dificultade de acceso aos subministros de gas, electricidades e auga. O obxectivo é conseguir que os concellos aproben unha moción e os grupos políticos municipais, asinen un documento de compromiso polo cal se sitúan publicamente a favor da proposta de Lei de Vivenda que se presentou a todos os grupos parlamentarios do Congreso de Deputad@s o pasado 22 de marzo de 2017.

As administracións e institucións máis próximas á veciñanza son os concellos, estes viven o día a día cos problemas residenciais e de dificultade ao acceso aos subministros básicos. Vemos como hai vivendas baleiras e xente sen vivenda, nas gadoupas dos bancos ou con dificultades para pagar o alugueiro, ou mesmo morando en vivendas insalubres e non adecuadas. Os concellos son ou deberían ser as institución que aborden as situacións de desafiuzamentos e de corte dos subministros básicos. Só no distrito xudicial de Ferrol, son 12 os desafiuzamentos por mes. Esta realidade require un compromiso coas persoas máis vulnerábeis e o dereito á vivenda digna e adecuada, ten que ser un dereito fundamental a garantir desde xa, pensamos que xeneralizando unha medidas mínimas, a nivel de estado, quedaría garantido ese dereito nesta sociedade inxusta, competitiva... onde os dereitos humanos e civís, están cuestionados acotío coas políticas económicas e sociais dos gobernos neoliberais de quenda. A maiores desde os colectivos e plataformas antidesafiuzamentos e polo dereito a unha vivenda digna, estamos elaborando unha Lei Galega que parte da nosa realidade concreta.

Pode-se! e Debe-se!

Documentos:

LEI DE VIVENDA DA PAH: 5 PROPOSTAS POLO DEREITO Á VIVENDA  E CONTRA OS DESAFIUZAMENTOS. | En formato pdf - 22 páxinas | Acceder/Baixar.

DOCUMENTO DE COMPROMISO DOS GRUPOS MUNICIPAIS. | En formato pdf - 2 páxinas. | Acceer/Baixar.

|||||||