luns, 15 de xaneiro de 2018

Foi o xuízo por desafiuzamento en Ferrol, este quedou pendente de resolución - O movemento antidesafiuzamentos acompañou a Silvia cunha concentración nas portas dos Xulgados de Ferrol, para denunciar publicamente a situación e reclamar unha vivenda digna



Esta é unha imaxe que se repite co paso do tempo,  a protesta diante dos Xulgados, e os poderes públicos seguen sen responder coa celeridade que reclama a situación até que non hai máis remedio e o fan, porque se produce a denuncia pública. Hoxe touco-lle a Silvia e a súa familia. A falta de recursos económicos fixo que non puidera facer fronte ao pago do elevado alugueiro da súa vivenda habitual (325 euros) e sumar-lle gas, auga, electricidade, comunidade... O desemprego é unha ameaza constante nunha parte moi importante da poboación de Ferrolterra. Mesmo Ferrol non só é a cidade da Galiza que máis habitantes perde, senón que ten o duplo de persoas en desemprego e sen perspectivas de te-lo a curto e medio prazo, polo que provoca que unha parte importante opte por deixar a cidade, sobre todo a xuventude. Silvia nos últimos tres anos só leva traballado seis meses de xeito regulado, con seguro e contrato. O que só lle dá para que lle sexa recoñecido o dereito a un subsidio de desemprego polo mesmo tempo traballado. Na actualidade segue formando-se realizando un curso polas tardes.

O xuízo tivo lugar, hoxe ás 11 da mañá, Silvia presentou documentación e unha testemuña (A dona do 10% da vivenda) que demostra a falta de lexitimidade da rentista para alugarlle a vivenda, polo tanto para tamén desafiúza-la, que a vivenda aínda está rexistrada ao nome do IGVS e que non se podería alugar, é por iso que non había recibos, nin estaba declarada. Isto argumenta a defensa, para evitar o desafiuzamento. Agora queda a deliberación do xuíz e a posterior resolución que se saberá entre unha semana e 10 días. A avogada da rentista demandante, solicitou o pago ou o desaloxo da vivenda antes do 15 de febreiro.

O Concello de Ferrol, mediante unha nota do seu gabinete de comunicación saíu ao paso da situación, dicindo que está no asunto e que os servizos sociais están atendendo o caso.

"A muller afectada acudiu a mediados de decembro aos Servizo Sociais de Ferrol para expoñer a urxencia do seu caso, logo da denuncia do particular ao que lle tiña alugada a vivenda.

Tiña unha cita ás 12:00 deste mediodía nos Servizos Sociais de Ferrol á que non puido acudir, polo que foi adiada ao mércores 17, o mais axiña posible.

De arcordo aos datos dos que dispoñemos, é a primeira persoa da lista en optar ao bono alugueiro do IGVS, logo da intermediación do Concello e habida conta da urxencia do seu caso, no que están envorcada a Concellería de Benestar Social sempre coa dilixencia ea reserva no tratamento dos datos particulares que corresponde a estes casos, para ofrecerlle todas as axudas económicas posibles e facer os trámites pertinentes -que xa foron realizados desde o Concello nas competencias que lle son propias a esta Administración-para a súa tramitación.

A concelleira de Benestar Social, Saínza Ruiz, que acudía hoxe a concentración en apoio desta persoa, tamén se comprometeu publicamente a poñer ao seu dispor, unha vivenda de urxencia de titularidade municipal, no caso de que fose necesario no caso de que a Xunta non ofreza a solución que lle compete".

Desde o movemento antidesafiuzamentos, vemos positivo as solucións paliativas, coas que resposta o Concello e dependentes da Xunta de Galicia, mais somos conscientes de que son a moi curto prazo, que vai facer Silvia no futuro inmediato, con apenas un subsidio de desemprego (430,27 euros) dun curto período de tempo (seis meses prorrogábeis de 6 en 6 até un máximo de 21 por ter cargas familiares) e o bono de alugueiro social que cubre unha axuda de 200 euros nun período dun ano (prorrogábel até tres),  e sempre no caso de que algún particular, teña a ben alugar-lle unha vivenda. Pois segundo indican desde o Programa Reconduce de Ferrol (Xunta de Galicia), non hai vivendas dispoñíbeis que poda ofertar o IGVS, nin de adxudicación directa, nin do Programa Vivendas Baleiras, nunha cidade que ten máis de 9.000 vivendas baleiras. Non se pode chegar moi lonxe nun Ferrol deprimido social e economicamente, onde as perspectivas de atopar un emprego son mínimas e xa non digamos un emprego minimamente estábel. Só un parque público de vivenda pode solucionar a medio prazo a situación de cada vez máis familias que viven na precariedade residencial.

A demanda de vivenda social en Ferrol(VPP), a 15 de xaneiro deste ano 2018, é de 610 familias e destas 498 solicitan vivenda de alugueiro social e 100 de alugueiro con opción de compra e 12 para comprar.

Continuaremos vendo as mesmas imaxes, en moi poucos días.

Enlace relacionado:

Alerta Urxente: Concentración nos Xulgados de Ferrol, ante un xuízo de desafiuzamento dunha familia sen recursos económicos - Luns 15 de xaneiro, ás 10:45hs - Nin Casas sen Xente, Nin Xente sen Casas ! - Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada! | Ir á Web.
---