Somos

NON ESTÁS SÓ !!

O apoio mutuo, a solidariedade e a loita por unha vivenda digna e adecuada, ... a loita contra os abusos bancarios e os especuladores, é o que somos.

Stop-Desafiuzamentos de Ferrol Terra (Adherida ás PAHs o 17 de Marzo de 2013), é a Acción Social da Comisión polo Dereito a unha Vivenda Digna, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Foi o 15M o que nun principio, co apoio do tecido social de Ferrol e algún apoio sindical, os que realizaron varias accións anti-desafiuzamentos, logo convocaron mobilizacións e contribuíron á recollida de firmas para a presentación da ILP no Congreso dos Deputados para a modificación da lexislación hipotecaria. O relevo colleuno a 'Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra' en abril de 2012 que a través da Comisión polo Dereito a unha Vivenda Digna impulsou a plataforma 'Stop Desafiuzamentos', en Ferrol Terra.

Se no conxunto de Galiza, hai un 20% de vivendas baleiras, en Ferrol e comarca, supera o 30%. Ferrol Terra é unha comarca desafiuzada e en declive económico e social. Polas características propias da comarca o noso traballo social é transversal, defendemos o dereito a unha vivenda digna e adecuada dun xeito integral, é por iso que ao haber no mesmo concello de Ferrol, case 1000 vivendas de propiedade municipal, e outras case 1.500 vivendas sociais do IGVS, loitamos e reclamamos ao Concello e á Xunta que rehabilite as vivendas desocupadas e as entregue ás persoas das listas de espera. E, ao mesmo tempo, libere partidas para emerxencia social. Na Comarca hai miles vivendas sociais. Tamén hai
outras tantas que foron propiedade militar, ou de Bazan ou sindicais. Esta foi unha zona onde predominou a vivenda de promoción e propiedade pública, e onde as forzas sociais e sindicais deixamos que se escapara todo este patrimonio que en moitos casos caeron en mans de especuladores que compraron a prezo de saldo e revenderon ás clases populares a prezos moi elevados.

A nosa actividade social tamén se desenvolve contra a estafa hipotecaria e os abusos bancarios. Rebelamos-nos contra a grande estafa inmobiliaria. Loitamos contra os lanzamentos e os
desafiuzamentos da vivenda habitual, sexa pola estafa hipotecaria ou por non pago de alugueres imposíbeis de abonar.  O dereito á vivenda, a pesares de ser un dereito fundamental, foi sistematicamente vulnerado. Son miles as persoas afectadas por un sistema hipotecario inxusto. A loita contra as execucións hipotecarias ás familias na rúa e cunha débeda para toda a vida. A dación en pago coa condonación da débeda e o alugueiro social, son as principais reivindicacións do movimento social por unha vivenda digna e adecuada.

O pasado 18 de Marzo de 2014, xuntábamo-nos en Compostela compañeiros e compañeiras dos STOPs e PAHs da Galiza, diferentes plataformas de loita e solidariedade polo dereito a unha vivenda digna e adecuada, un dereito humano fundamental. O motivo da convocatoria era o de facer entrega no rexistro do Parlamento Galego, dunha Iniciativa Lexislativa Popular Galega -ILP, para a paralización de todos os desafiuzamentos e a aplicación efectiva da dación en pago, así como o impulso dunha Lei Galega da Vivenda.
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, fumos unha das plataformas promotoras da citada ILP. Celso Posada e Inácio Martínez foron os dous compañeiros da nosa plataforma que asinaron como promotores da ILP-Galega presentada.

Na medida que avanzamos na loita por unha vivenda digna e adecuada, vemos que non só é o problema de non poder facer fronte á hipoteca, ou de non poder pagar un aluguer, para poder acceder a un sitio onde morar, a un teito. A situación de lanzamento ou de desafiuzamento da vivenda habitual, veñen acompañados de situacións críticas a nivel social, desemprego, violencia machista, precariedade, dependencia, recortes sociais, ... É necesaria hoxe máis que nunca unha acción global contra o neoliberalismo criminal que nos rouba dereitos, escraviza, empobrece e mata.

A loita por unha vivenda digna e adecuada é unha parte da loita polo bon vivir, pola xustiza, a liberdade e a igualdade. E por iso que Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, sómamo-nos ás Marchas da Dignidade.


En
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, organiza-mo-nos en Asemblea e Comisión de Traballo. Todos o venres (excepto festivos) de 5 a 7 da tarde no local de Arméria, na Traseira  do Mercado de Caranza (xunto á Tenda de Troco), xuntanza aberta da Comisión de Traballo, e o último venres de mes, asemblea no local de Fuco Buxán A. C. (na rúa Armada Española, nº32 baixo), tamén en Caranza. Contamos co apoio e asesoramento xurídico de profesionais voluntari@s.

Pola experiencia interesante d@s compañeir@s da Coruña, acordamos facer as Consultas Colectivas. Ao constatar que estamos sendo menos activistas e máis xestores administrativos, decidimos abordar o asunto para potenciar a formación e o empoderamento das persoas afectadas, a concienciación e o activismo social como fundamentais.


Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Persoas de contacto:
Celso 697 29 61 84 | Inácio 645 15 81 13 | Jorge 680 30 00 90 | Lucia 619 44 53 52 | Luis 686 79 20 91 | Manuel 645 14 31 81 |  Pablo 659 85 58 05 | Susana 680 92 21 51

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

||||||||||||||||